Sunday 05 de May de 2024

A Xunta traslada a mellora económica tamén ao emprego público e aproba a OEP de 2015 que multiplica por catro as prazas ofertadas respecto a 2014


Feijóo destaca que, no ámbito da Función Pública, a Administración autonómica saca a oposición 373 prazas, o que supón “sete veces máis que o ano 2014” e tamén a maior oferta que fai a Xunta desde o ano 2008

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe tras o Consello a aprobación definitiva das Ofertas de Emprego Público correspondentes a este 2015, tanto para a Administración autonómica como para a Educación pública. “O que podemos facer realidade con estas ofertas de emprego é o compromiso de multiplicar por catro a oferta pública de emprego do ano 2014”, apuntou, despois de que se aumentasen ata o 50% en determinados sectores prioritarios as taxas de reposición nos Orzamentos xerais do Estado para 2015. “Nós imos esgotar esa porcentaxe”, aseverou.

Máis polo miúdo, e no ámbito da Función Pública, Feijóo destacou que a Administración autonómica saca a oposición 373 prazas, o que supón “sete veces máis que o ano 2014”. Ademais, destacou que é a maior oferta que fai a Xunta desde o ano 2008.

O responsable do Goberno galego salientou que o obxectivo é reforzar a loita contra a fraude fiscal, os órganos especializados da Administración –como as escalas de gardacostas ou de veterinarios- e os servizos sociais, entre outras áreas.

Deste xeito, ofértanse: 239 prazas para os distintos niveis do corpo administrativo (catro prazas de letrados, 14 do corpo superior de finanzas, catro para a Escola Superior de Estatísticos, 4 para a escala de informáticos, 44 para corpos xerais, 10 prazas de escala técnica de finanzas e 29 de corpos xerais, ademais de 50 prazas para o corpo administrativo e 80 para os corpos auxiliares); 102 para a Administración especial (48 prazas na escala de veterinarios, 20 na escala técnica do Servizo de Gardacostas, 17 na escala de profesores de instituto marítimo-pesqueiros, e oito prazas na escala de enxeñeiros de camiños, canles e portos; e as 32 prazas restantes destínanse a cubrir dúas categorías de persoal laboral, as de auxiliar de enfermería e ordenanza.

Do total de postos ofertados nesta OPE, 265 prazas serán de acceso libre e 108 para promoción interna. E, con respecto á reserva de prazas para persoas con algún tipo de discapacidade, Feijóo destacou a aposta por manter a porcentaxe do 7% das vacantes, ao que engadiu que, como novidade, por primeira vez na historia da Autonomía haberá unha reserva de prazas específica do 2% para a discapacidade intelectual.

No eido da Educación pública, o responsable autonómico destacou as 446 prazas para as oposicións a mestres e inspectores. Trátase de 432 prazas para todas as especializades do corpo de mestres, agás de francés, e outras 14 prazas para o corpo de inspectores de Educación.

A distribución de prazas será: educación infantil 175; lingua estranxeira –inglés- 50; educación física 35; música 37; pedagoxía terapéutica 50; audición e linguaxe 55; educación primaria 30, e inspectores 14.

“Cumprimos o compromiso de trasladar a incipiente mellora económica ao ámbito do emprego público e por iso utilizamos as capacidades máximas legais para totalizar a oferta pública de emprego da que acabo de falar máis 344 prazas de sanidade” o que conforma, como engadiu, “unha oferta pública de emprego total de 1.163 prazas para o ano 2015”. “Por tanto, comezamos a devolver o esforzo que os empregados públicos teñen feito ao longo destos últimos anos”, precisou.

Sobre este último aspecto, o titular da Xunta avanzou que en canto se aprobe a Lei do empregado público “pagaremos o correspondente á totalidade da paga extra do período devengado con independencia do que ocurra desde o punto de vista dos recursos que hai en toda España sobre ese período”.